Thursday 09 de May de 2024

Os interesados en ocupar un espazo no Viveiro de Empresas teñen un mes para presentar as súas propostas empresariais


Segundo o anuncio publicado no boletín provincial

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar na súa edición de hoxe a convocatoria para que os interesados poidan presentar as súas propostas empresariais para a ocupación de espazos destinados ao Viveiro de Empresas de Riveira: unha estrutura de acollida temporal pensada para ubicar a empresas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial, co fin de que, mediante unha xestión sen ánimo de lucro, se facilite o desenvolvemento xerminal de iniciativas de interese para este concello e para a comarca.

Ofértanse un total de nove oficinas (con dimensións de entre 10 e 15 metros cadrados) e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, debéndose cubrir un modelo de solicitude e unha memoria de proxecto empresarial que serán postas a disposición dos potenciais emprendedores tanto nas propias oficinas municipais como na páxina web www.riveira.es a partir de hoxe.

De acordo coa ordenanza reguladora deste servizo, poderán ser beneficiarios as empresas que comecen a súa actividade no propio viveiro, as de recente creación (xa existentes cunha antigüidade máxima do negocio de 24 meses dende o inicio da actividade ata a presentación da solicitude), as empresas xa constituídas cunha antigüidade superior aos 24 meses e os emprendedores que precisen un espazo adecuado para estudar e preparar o seu proxecto.

O servizo fundaméntase en ofrecer, a través dun réxime de aluguer temporal, un espazo físico equipado para o funcionamento do negocio e unhas instalacións comúns. Neste senso, o viveiro, situado en Fafián nas instalacións reformadas do antigo matadoiro, consta dunha superficie de 362 metros cadrados equipadas con sala de usos múltiples, sala de reunións, aseos e zonas comúns, ademais dos despachos

Os usuarios recibirán servizos de asesoramento e formación en canto ao estudo e análise de proxectos: asesoría xurídica, fiscal e laboral; apoio na busca de financiación e apoio á consolidación.

Criterios de selección
O órgano competente para a resolución dos procedementos de selección será a Xunta de Goberno Local, previo informe do grupo de estudo que se designe ao efecto e conforme a unha serie de criterios que inclúen a viabilidade técnica e económica da actividade, os postos de traballo indefinidos xerados, o carácter innovador da actividade, se é unha empresa nova ou recente, se os promotores son veciños de Riveira ou doutros concellos de Arousa Norte e Porto do Son, e se algún dos promotores está en situación de desemprego (artigo 8.1). As empresas que non sendo seleccionadas non cumpran os requisitos pasarán a unha listaxe de espera.

O prazo máximo de estancia no viveiro é inicialmente de dous anos, podéndose prorrogar nun ano máis no caso de que haxa vacantes. Non obstante, co fin de apoiar aquelas empresas que necesiten algún tempo máis para a consolidación do seu negocio, excepcional e xustificadamente, poderá incrementarse este prazo por un ano máis, previa solicitude e fundamentación do interesado.

Tocante aos prezos, o prezo do local será de 75 euros mensuais (sen IVE, segundo a modificación da ordenanza operada no pasado pleno de xaneiro e actualmente en período de exposición pública). Os usuarios terán dereito ademais á utilización gratuíta da sala de usos múltiples.

Cómbre lembrar que o Viveiro de Empresas estivo cofinanciado polo Concello e a Fundación Incyde, recibindo a colaboración da Deputación da Coruña.